Thursday 02 de May de 2024

Aberta a inscrición nunha charla para ofrecer pautas de actuación para familias con menores en situacións de risco


Enmárcase no programa socioeducativo que impulsan os concellos de Fene, Mugardos e Neda

Xa está aberto o prazo para inscribirse na próxima sesión do programa de charlas “Acompañar no reto de educar”, que coorganizan os concellos de Fene, Mugardos e Neda. A nova entrega irá destinada a aportar algunhas pautas para que as familias dos tres municipios saiban como actuar con menores que presentan condutas de risco.

A actividade, que terá lugar o luns 15, a partir das 18 horas na casa da cultura de Fene, pon o foco no papel primordial que xogan as familias na prevención, ao ser o primeiro axente protector e facilitador dun desenvolvemento san na infancia e na adolescencia. Precisamente nesta última etapa acumúlanse os factores e condicións que favorecen conductas de risco.

O encontro busca ser de utilidade á hora de identificar eses problemas, e adquirir habilidades para manexalos en familia. Falarase de trastornos emocionais e ansiedade, suicidio, intoxicacións, adiccións…
A charla, como sempre, está destinada a familias con alumnado matriculado nos centros escolares dos municipios organizadores, especialmente en etapa pre-adolescente e adolescente, así como a entidades sociais.

Para participar cómpre inscribirse utilizando o formulario dispoñible na web municipal. Para facilitar a participación, haberá servizo de conciliación baixo demanda.